A unidade de drons da AXEGA participa na busca dun home desaparecido, dende a tarde deste luns no concello coruñés de Culleredo.
O operativo de busca, coordinado polos axentes da Garda Civil, deu comezo pasadas as dez da noite, no lugar de Peiro de Arriba, pertencente á parroquia de Celas.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos mediante a chamada dun familiar do home, que informaba da imposibilidade de localizalo na zona. Así, os operadores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia comunicáronllo aos axentes da Policía Local e aos membros de Protección Civil do municipio.
Ademais, para colaborar cos medios desprazados, a Garda Civil solicitou a saída da unidade de drons da Axencia Galega de Emerxencias, que se desprazou ao lugar e participou, ao longo da noite, nas labores de busca polas zonas próximas á vivenda do desaparecido.
Os medios seguen activos no operativo, aos que se vai a unir a Asociación de Cans de Salvamento e Rescate de Ferrol.