Buscan os falsos vendedores de coches que deron catro golpes en Galicia


Axentes da Garda Civil e da Policía Nacional están a cooperar nunha investigación conxunta para tratar de identificar, localizar e deter os membros dunha banda de falsos vendedores de coches que actuaron polo menos en catro ocasiones en Galicia, tres veces en municipios da provincia de Lugo e unha na de Ourense.

Fontes policiais informaron de que todos os indicios e probas solicitadas ata o momento polos investigadores de ambos os corpos apuntan a que os autores destes violentos roubos son os mesmos. “Todos as investigacións que realizamos ata o de agora apuntan a que os catro casos están relacionados”, sinalan os mesmos informadores.

De feito, “o modus operandi é o mesmo”, porque nos catro casos que están a ser investigados os falsos vendedores citaron as súas vítimas “no arrabalde dos núcleos de poboación” e, nada máis establecer contacto con elas, o primeiro que fixeron “foi quitarlles o teléfono móbil”.

Con esa forma de proceder, precisan, asegúranse de que “terán tempo suficiente para fuxir do lugar do roubo” e “cando as vítimas teñen posibilidade de dar aviso, probablemente eles xa están lonxe”.

A mesma fonte tamén lamenta a falta de prudencia das propias vítimas ao acudir a unha zona apartada para atoparse con xente á que non coñecen de nada e cunha “gran suma de diñeiro en efectivo”, cando hoxe en día hai formas de pago moito máis seguras, sosteñen.