Buscan por terra, mar e aire a un pescador desaparecido en Ferrol

1 minutes read

Os servizos de emerxencia rastrexan as proximidades da zona do Cabo Prioriño, no concello de Ferrol (A Coruña), na procura dun pescador que desapareceu na mañá deste mércores.

Foi un familiar do desaparecido quen deu conta do ocorrido ao 112 Galicia preto das catro horas da tarde deste mércores. Durante a comunicación cos xestores de emerxencia, sinalizou que o home adoitaba regresar a casa a media mañá despois de saír a pescar, pero que aínda non volvera.

A partir de aí, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia púxose en marcha un operativo de rescate que conta coa intervención de Salvamento Marítimo e do Servizo de Gardacostas de Galicia, que mobilizaron os seus helicópteros de rescate. Ademais, por mar, tamén participan nas labores de procura os Bombeiros de Ferrol, a bordo dunha embarcación. Os axentes da Garda Civil, da Policía Nacional e Local e voluntarios de Protección Civil de Ferrol completan o operativo por terra.

Arestora, os equipos de rescate centran a busca na zona do Cabo Prioriño, nas inmediacións do porto exterior novo do concello de Ferrol.