A Consellería do Mar e a Autoridade Portuaria debaten sobre os retos máis inmediatos do porto da Coruña. A Consellería manifesta a súa total disposición para avanzar no futuro da entidade portuaria coruñesa en asuntos esenciais como a conexión ferroviaria ao porto exterior de Punta Langosteira e a súa situación financeira.
Estas son dúas das cuestións esenciais como base de traballo para a reunión que terá lugar o vindeiro 23 de febreiro para abordar con todas as administracións implicadas o futuro das infraestruturas portuarias da cidade. O obxectivo é chegar a esa xuntanza cunha proposta común de defensa do porto e da cidade.
En relación ao enlace ferroviario a Punta Langosteira, demándase ao Executivo central a súa licitación antes do mes de xuño, que é cando caduca a declaración de impacto ambiental da obra. Trátase dunha obra sumamente necesaria, pois está en xogo a competitividade do porto durante os próximos cinco anos.