A Xunta de Galicia reiterou ante o Goberno de España a súa disposición e o seu interese en manter de forma inmediata unha xuntanza xurídica sobre a dragaxe da ría do Burgo coa fin de que o Goberno de España licite as obras canto antes.
A Asesoría Xurídica Xeral da Administración autonómica está en contacto coa Avogacía do Estado para acadar unha solución xurídica que non implique parar indebidamente a actividade marisqueira meses antes do comezo das obras.
Esta actuación, de competencia estatal, dispón dun proxecto con declaración de impacto ambiental, conta con fondos consignados nos Orzamentos Xerais do Estado en vigor (os do ano 2018) e con fondos europeos reasignados para o seu cofinanciamento. Os servizos xurídicos da Xunta acreditaron nun informe remitido ao Goberno de España que a actividade marisqueira actual na zona non é impedimento para a licitación da dragaxe, toda vez que os terreos son de titularidade estatal e que existe un compromiso cerficado por parte da confraría de pescadores e por parte da Consellería do Mar de paralizar a extracción cando comecen as obras.