Caamaño&Ameixeiras preparan o seu novo disco na Residencia Artística Mariñán


O dúo musical composto por Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras son as primeiras residentes, que ao longo desta semana, están a utilizar o espazo de Mariñán para investigar os elementos tradicionais nos que basearán o seu próximo traballo discográfico. Ademais de varias sesións de formación complementarias, tamén están contando coa colaboración da deseñadora lucense e gañadora do premio Mercedes-Benz Fashion Talent, Melania Freire, para o deseño dun vestiario e escenografía singularizadas e acordes ao concepto que defina o disco.

O deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto, lembrou que a posta en marcha das Residencias Artísticas é unha nova liña de traballo no apoio á creación, que vén unirse á convocatoria de certames. Couto explicou que Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras “están traballando nunha proposta que bebe da tradición galega e dos arquivos sonoros galegos, que se vai desenvolver nunha linguaxe contemporánea e que vai dar moito que falar nos vindeiros tempos”.

As Residencias Artísticas Mariñán contemplan o acompañamento e seguimento do proxecto por parte da comisaria, co obxecto de facilitar a viabilidade de cada unha das propostas no contexto musical profesional.