Cabalgata e Festa de Reis, principais alicientes da programación de Nadal de Laxe

2 minutes read

O Concello de Laxe presentou a súa programación de Nadal, que terá a Cabalgata e a Festa de Reis como principais alicientes dunha axenda que contará cunha gran diversidade de actividades como maxia, un festival de panxoliñas ou un campamento de conciliación, entre outras cousas.

A partir do vindeiro venres, 15 de decembro, comeza a terceira edición do Certame de Escaparates “Nadal no Comercio Local”, no que os establecementos locais decoran as súas tendas cunha temática propia destas datas.

O sábado, día 16, será a quenda para a maxia e a ilusión da man de Pedro Bugarín, co seu espectáculo “Galicia ilusiona coa maxia”, a partir das 19:30 horas no Salón de Actos.

O domingo 17 estará centrado na familia, coa celebración do baile social e “Os xogos do paporrubio”, uns xogos de temática agraria para dar a coñecer aos máis pequenos a fauna que nos rodea. Será en horario de tarde no Pavillón Polideportivo Municipal.

O martes 19 e o xoves 21 de decembro Papá Noel e os Reis Magos realizarán unha visita especial ao CPI Cabo da Area e ao Colexio de Traba.

O sábado, día 23 de decembro, terá lugar o clásico Festival de Panxoliñas, a partir das 20 horas, na Igrexa de Santa María da Atalaia. Participan Maruxía, Amas de Casa, A Esmorga, a Escola de Música de Laxe e Serantes, o grupo de catequese e o coro parroquial da Igrexa de Santa María da Atalaia.

Por último, o 5 de xaneiro, terá lugar a tradicional Cabalgata e Festa de Reis. A partir das 15 horas farán o tradicional desfile por todas as parroquias do municipio, con fogos de artificio á súa chegada ó pavillón polideportivo.

A festa posterior, coa recepción por parte das Súas Maxestades, será a partir das 19 horas no propio pavillón, con inchábeis, animacións, obradoiros, e rosca de reis e chocolate de balde para todas as persoas asistentes.

Desde o Concello de Laxe animan a todos e todas, veciñanza e visitantes, a achegarse ao municipio nestas datas tan especiais para gozar do ambiente festivo e de todas as actividades que se presentan desde a Administración Local.

Campamento de conciliación de Nadal

Do 26 ao 29 de decembro e do 2 ao 4 de xaneiro, o Concello de Laxe celebra o programa de conciliación laboral “Nadalaxe” dirixido a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos. As inscricións ábrense este luns, 11 de decembro, e as prazas son limitadas.

O horario do programa será de 10 a 13 horas, onde os mozos e mozas realizarán diferentes actividades.

“Nadalaxe” pretende facilitar a conciliación laboral e familiar nunhas datas como o Nadal, nas que os pequenos e as pequenas están na casa.