Caballero aféalle a Feijóo que non cese aos responsables do peche do paridoiro de Verín


O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, compareceu este luns para abordar a rectificación de Feijóo sobre o peche do paridoiro de Verín despois de mentir alegando “criterios técnicos” relativos á seguridade nos partos.

“É a primeira gran vitoria da maioría social progresista. Feijóo xa non toma as decisións, senón que unha nova Galicia arrincona ao presidente e oblígao a rectificar”, sinalou Gonzalo Caballero, quen censurou os ataques de Feijóo contra “a calidade da sanidade pública” e contra “a atención aos habitantes do medio rural”.

Neste senso, o líder dos socialistas galegos urxiu a Feijóo a reapertura “inmediata” do paridoiro de Verín e unhas “desculpas” polo seu “discurso falaz” que utilizou “para meter medo” ás familias coa “falla de seguridade” para dar a luz no hospital desa vila.

“Se Feijóo tivese un mínimo de dignidade política, asumiría responsabilidades políticas polo peche do paridoiro de Verín e cesaría a todos os responsables políticos desa decisión”, recalcou Gonzalo Caballero, antes de reclamar a Feijóo que “non faga máis dano” nos meses que lle quedan de mandato.