Caballero anuncia gratuidade total das escolas infantís e volta ao préstamo de libros de texto anulado por Feijóo

Cedida.

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, visitou este sábado Vigo e Pontevedra para presentar a lista que o acompañará por esta provincia ás eleccións galegas do vindeiro 5 de abril. Dende alí, puxo en valor a importancia da educación e garantiu que un goberno progresista a poñerá no centro de atención.

Comprometeu a gratuidade das escolas infantís de 0 a 3 anos e volta ao sistema de préstamo dos libros de texto que Feijóo reverteu cando chegou á Xunta.

Do mesmo xeito, asegurou que, se é presidente tralo 5A, aumentará as prazas dos comedores escolares para favorecer a conciliación da vida familiar e laboral dos pais e, sobre todo, das nais, sobre quen soen recaer aínda os coidados.

En paralelo, Gonzalo Caballero anunciou que apostará pola FP Dual, para combinar as ensinanzas teóricas do alumnado coas prácticas en empresas; que as primeiras matrículas nos graos das universidades públicas galegas non teñan custe para os estudantes; e que desenvolverá un programa de bolsas con fondos propios da Xunta para facer mestrados.

“Son propostas factibles e viables economicamente”, destacou Gonzalo Caballero, para quen a educación supón a vía para “igualar as posibilidades” de toda a cidadanía, independentemente de onde resida.