Caballero apela “á forza da ilusión e do compromiso” para frear o pacto do PP con Vox

1 minutes read

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, protagonizou este sábado en Lugo un mitin de precampaña xunto co ministro de Fomento e secretario de Organización do PSOE, José Luis Ábalos; o presidente da Deputación, José Tomé, e a alcaldesa, Lara Méndez.

Ante máis de medio millar de persoas, o líder dos socialistas galegos apelou “á forza da ilusión e do compromiso” para encher as urnas o 10 de novembro. “Non caiamos no discurso da dereita de que estamos cansos de votar. Se todos os días imos mercar o pan ou o xornal, temos que ir votar para impulsar unha maioría socialista”, recalcou.

Sobre todo, como sinalou Gonzalo Caballero, porque “as dereitas e a ultradereita, se suman, buscarán mecanismos para acadar o goberno”, co “risco de involución” que iso supón. “Se teñen os votos, pactarán”, incidiu, para evocar o que xa fixeron en Madrid, Andalucía ou Murcia. “E un goberno do PP con Vox sería unha peste política para España e para Galicia”, alertou.