Caballero creará unha Consellería de Igualdade se chega á Presidencia da Xunta

Cedida.

O PSdeG-PSOE celebrou este sábado unha nova xornada do seu foro de ideas IdeaLab, centrado nesta ocasión nas mulleres e nas políticas de igualdade, baixo o título de ‘Máis Muller, por unha Galicia en feminino’. En Santiago de Compostela o candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, estivo acompañado pola presidenta do PSOE, Cristina Narbona, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, as alcaldesas de A Coruña e Lugo, Inés Rey e Lara Méndez, e a coordinadora do laboratorio de ideas, Noelia Otero.

Caballero asegurou que as políticas de igualdade “impregnarán todas as políticas da Xunta”, o que permitirá “avanzar” en cuestións que seguen pendentes e para impedir que haxa “pasos atrás”. “Queda moito por facer e non podemos retroceder”, asegurou, á vista de que emerxen partidos que “poñen en risco” o conquistado ata a data.

De feito, o candidato socialista advertiu de que Feijóo ten “pel de cordeiro” aínda que “é o mesmo lobo que loita contra o feminismo”, polo que pediu “un compromiso claro de toda a sociedade” para que non haxa retrocesos en materia de igualdade de homes e mulleres e para que o papel das mulleres na sociedade sexa “crecente”.