Caballero afirma que o debate do Estado da Autonomía anticipa a saída de Feijóo da Xunta


O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, dixo este mércores que a intervención de Feijóo no Debate do Estado de Autonomía demostrouse “baleira de proxectos nin solucións” agás o de “buscar a confrontación co goberno socialista”. Logo da primeira intervención do presidente da Xunta, advertiu que a sesión marcará “un punto de inflexión no ciclo político de Galicia” de cara ao remate dunha década de gobernos do PP.

O tamén presidente do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia lamentou que Feijóo “segue vivindo na Galicia do coche oficial ao que leva subido máis de 20 anos” e que o incapacita para “recoñecer á Galicia real”.

Sinalou que o de hoxe foi “o discurso de peche do seu ciclo político, a despedida logo de 10 anos de mandato”, que reflexa un proxecto esgotado, con “pequenas promesas conformando unha ensalada de contidos sen orientación estratéxica nin solucións aos problemas reais da cidadanía galega”.

Gonzalo Caballero advertiu que “o fracaso dunha década de xestión non se arranxa cun debate do Estado da Autonomía que quere centrar no conflito e na confrontación co goberno de España”, e anunciou que os socialistas presentarán un “proxecto chamado a pivotar unha nova etapa”. Anunciou un novo tempo “de progreso e futuro, centrado en solucionar os problemas da Galicia real”.