Caballero indica a Feijóo que respalde a petición do estado de alarma

Foto.- Cedida.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, requiriu este sábado a Feijóo “responsabilidade” e “sensatez” para sumarse á petición doutras nove comunidades autónomas de que se declare o estado de alarma, toda vez que se trata do mecanismo que aporta “máis fortaleza e máis seguridade xurídica” ás medidas e restricións necesarias na loita contra a propagación do coronavirus.

“Que Feijóo non obstaculice a loita contra a pandemia”, remarcou Gonzalo Caballero nunha comparecencia ante os medios, na que fixo fincapé en que Feijóo ten que “colaborar” para frear esta segunda vaga da covid e deixar de lado “a estratexia de confrontación do PP”.

“Cada día que pasa é un día perdido”, advertiu o máximo dirixente do PSdeG, quen reclamou que Galicia se dote dun “plan de resposta fronte á covid” que inclúa o “reforzamento inmediato” do sistema sanitario público, especialmente no que atinxe á atención primaria.

Neste punto, Gonzalo Caballero deixou claro que fortalecer a sanidade pública “non é poñer consultas telefónicas”, senón contar con profesionais e recursos suficientes para deixar de aprazar operacións e consultas. “Frear o virus é a mellor forma de defender a saúde”, remarcou, consciente da importancia de dobregar de novo a curva para poder manter “a actividade social e a actividade económica”.