Abel Caballero reiterou este martes a necesidade de asinar un convenio como única vía de que a Xunta se comprometa realmente con prazos e orzamentos de cara á construción do instituto de Navia. En rolda de prensa, lembrou os catro anos que Vigo leva demandando esa dotación educativa ata que se conseguiu que o goberno autonómico recoñecera a súa necesidade para evitar que os estudantes teñan que desprazarse 8,5 km para ir a clase.
O alcalde criticou as declaracións públicas nas que o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, aseguraba que esta dotación xa estaba no orzamento da Xunta e recriminoulle que non se executaran as partidas que aparecían nas contas de 2021 e 2022 para elaborar o proxecto. Aparecer nos orzamentos non obriga para a administración, explicou, o que si o fai “é asinar un convenio e senón o queren rubricar é porque non queren construír o instituto”, recalcou.
Na súa intervención, aceptou as cantidades orzamentadas e incluso os prazos avanzados este luns pola Xunta, asegurando que sen convenio non hai garantía. Neste punto, lembrou exemplos de “enganos” da Xunta referíndose ao Centro de saúde de Bouzas, para o que o Concello cedeu os terreos en 2008 sen que mediara convenio e o resultado foi que a dotación sanitaria rematou en 2021 e moito máis pequena do previsto; tamén aludiu á Cidade da Xustiza para a que o Concello se viu obrigada a expropiar terreos que a Xunta nunca usou por valor de 3,5 millóns ou o Ifevi, xa que o Concello comprou os terreos para a ampliación dos pavillóns 4 e 5, sen que nunca se teña en conta esta achega.