Abel Caballero: “A Xunta tivo aos concellos ás escuras durante 6 meses de pandemia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, compareceu este venres na Comisión de Reactivación Económica, Social e Cultural, celebrada no Parlamento de Galicia, para falar da situación actual da cidade de Vigo neste momento de crise sanitaria. «Culpar aos de arriba, ao Goberno central, e pasar as responsabilidades aos de abaixo, aos concellos, sen recursos é un modelo chamado a fracasar. Isto non é un estado piramidal», advertiu o rexedor. Posteriormente, na rolda de prensa criticou a actitude do secretario xeral do PP de Galicia, Miguel Tellado, durante a súa comparecencia e lamentou que o deputado non aproveitase a súa intervención para aclarar as medidas tomadas polo Goberno local para loitar contra a crise sanitaria.

Caballero reclamou «lealdade» e «coordinación institucional» para afrontar a reactivación económica e social após a pandemia, e advertiu de que a Xunta debe transferir recursos ás entidades locais porque España non é «un Estado piramidal» e debe haber colaboración transversal. Así o manifestou na súa comparecencia na comisión de reactivación económica, social e cultural.

Insistiu en denunciar o «escurantismo inmenso» da Xunta na pandemia, repetiu que non tivo información dos contaxios «até hai dúas semanas». «Estivemos ás escuras durante 6 meses. E, polo menos no caso de Vigo, hai que duplicar as PCR, multiplicar os rastreadores e reforzar a Atención Primaria», proclamou.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha