Caballero reprocha a Feijóo a súa “ausencia” na reactivación de Galicia


O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, levou á sesión de control do Parlamento a importancia de que a Xunta tome medidas para impulsar a reactivación de Galicia logo de seis meses “perdidos” á hora de poñer a funcionar a economía e de fortalecer os servizos públicos.

O líder socialista reprochou a Feijóo a súa “ausencia” na tarefa da reconstrución, ata o punto de que “deu as costas” á comisión da reactivación e “nin tan sequera se dignou a votar no pleno o ditame e o uso dos fondos” que tiña consignados. “E que levan seis meses gardados no seu colchón”, censurou.

“Mentres os galegos e as galegas non poden pegar ollo polos problemas e dificultades que atravesan, a Xunta leva seis meses cos cartos gardados, sen poñelos a disposición da xente e dos concellos”, incidiu Gonzalo Caballero, sen esquecer os recortes que a Xunta está levando a cabo nos servizos públicos.

“Vólvolle tender a man por responsabilidade, porque aínda poden vir curvas e queremos que o goberno de Galicia acerte polo ben dos galegos e das galegas”, recalcou o secretario xeral do PSdeG.