Caballero urxe a Feijóo a aclarar a posición do PP sobre o estado de alarma

Cedida.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo unha xornada de traballo en Madrid xunto co coordinador da Interparlamentaria do PSdeG, o senador Xoaquín Fernández Leiceaga, así como co coordinador dos socialistas galegos no Congreso, Guillermo Meijón, e outros membros do partido nas Cortes Xerais.

Dende alí, instou a Feijóo a “aclarar a posición do PP” sobre o estado de alarma e a desescalada, xa que “descoñecemos se estamos ante o PP de Ayuso que di defender unha falsa liberdade ou ante o PP de Feijóo que restrinxe a liberdade cunha Lei de saúde anticonstitucional”.

Caballero criticou que “hai seis meses” o presidente da Xunta “dicía que o estado de alarma era demoledor”. “O PP está desnortado e nin Casado nin Ayuso nin Feijóo son quen de poñerse de acordo á hora de atender a desescalada”, resumiu.

Por iso, o máximo responsable do PSdeG preguntou a Feijóo “se o PP vai colaborar co goberno de España ou vai seguir sendo un instrumento de tensión, de intento de desestabilización e de falla de responsabilidade”.

Fronte a esta posición do PP, Gonzalo Caballero destacou que “o goberno de España está traballando en circunstancias complexas con responsabilidade e buscando acordos e cogobernanza, asi como centrado na reactivación”.