- Esta iniciativa realízase con motivo do Día do libro, 23 de abril, e cada usuario poderá levar dous exemplares
A biblioteca municipal María Baña do Concello de Cabana agasallará con libros aos seus lectores máis apaixonados. A partir do vindeiro 6 de abril habilitarase unha exposición da que cada persoa poderá levar de xeito gratuíto ata dous exemplares por día.
Con esta iniciativa preténdese conmemorar o Día do libro infantil e o Día do libro, que se celebran os días 2 e 23 de abril respectivamente. O mellor xeito de festexar estas datas, aseguran desde o centro, é promover a difusión da cultura e da lectura en todas as franxas de idade.
A exposición estará aberta ó público de 16:00 a 20:00 de luns a venres, se ben a biblioteca manterá o horario de 15:00 a 21:00. O acceso ás instalacións e ás obras literarias estarán rexidas polos protocolos sanitarios.