Cabana | A romaría de San Fins do Castro regresa en agosto tras dous anos de pandemia

1 minutes read
  • A celebración, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, terá lugar os días 1 e 2.

A romaría de San Fins do Castro, na localidade de Cabana de Bergantiños, volverá celebrarse un ano máis tras un parón obrigado por culpa da pandemia. A cita, declarada Festa de Interese Turístico de Galicia, dará comezo desde as 09.00 horas coa celebración das homilías. Ao longo da mañá haberá tamén dianas e alboradas así como animación musical a cargo do grupo O Son do Castro.

Ás 13.00 horas terá lugar unha misa solemne cantada pola Coral de Cesullas e posteriormente a banda de música Eduardo Pondal interpretará o himno a San Fins. Acto seguido o párroco de Cesullas protagonizará o célebre ‘Berro Seco’ e a orquestra Magos amenizará a sesión vermú coa súa música.

Pola tarde, o grupo de folk ‘Os Farrapos’ será o encargado de animar o festexo e á noite será quenda para a verbena da man das orquestras Magos e Bomba.

O día seguinte, martes 2 de agosto, conmemorarase a festa na honra da Virxe dos Remedios con misas desde as 09.00 horas e a solemne, cantada tamén pola Coral de Cesullas, ás 13.00 horas. A orquestra Puzzle amenizará a xornada tanto pola mañá como pola noite.