- As achegas ao proxecto deberán ter en conta criterios de eficiencia enerxética, accesibilidade, habitabilidade ou seguridade
O Concello de Cabana abriu un proceso de participación cidadá para elaborar un proxecto de rehabilitación sostible da escola infantil municipal A Casa dos Títeres. Todas as persoas ou entidades interesadas na iniciativa poden trasladar as súas achegas a través deste formulario en liña.
O goberno local destaca que as axudas deberán ter en conta criterios relacionados coa eficiencia enerxética, a accesibilidade, habitabilidade e seguridade das instalacións, así como a propia conservación do edificio. Entre as características das contribucións deben figurar propostas de mellora da eficiencia das instalacións térmicas, da instalación eléctrica, do sistema de calefacción, produción de auga quente, sanitaria e ventilación, así como o uso de enerxías renovables e da envolvente térmica.