O Concello de Cabana abre o prazo de inscrición para a súa variada oferta de actividades deportivas e culturais que incluirá bailes de salón e latinos, música e diversas actividades deportivas para escolares e adultos.
As persoas interesadas en anotarse nalgunha das actividades poderán facelo ata o vindeiro 23 de setembro no departamento de Cultura do Concello de Cabana de Bergantiños en horario de 09.00 a 14.00 horas. No caso da Escola Municipal de Música, a inscrición realizarase o luns, 26 de setembro de 16.00 a 19.30 horas.
O prezo de inscrición será de 20 euros para empadroados e de 30 euros para as que non o estean. No caso dos abonos familiares, a tarifa será de 36 euros para as familias empadroadas e de 45 euros para as non empadroadas. Ademais, as persoas maiores de 65 anos e as persoas con diversidade funcional terán un desconto do 50%. Para a participación en calquera actividade será imprescindible estar en posesión do carné municipal, o cal se poderá obter ou renovar e realizar o seu pagamento no momento da inscrición, ou durante o prazo da mesma.
