Cabana anuncia as datas do proceso de admisión de alumnos na escola infantil


O Concello de Cabana de Bergantiños anunciou as datas do proceso de admisión de alumnas e alumnos na escola infantil municipal ‘A Casa dos Títeres’ para o curso académico 2023 – 2024.

O prazo para a renovación de prazas do alumnado xa escolarizado durante o actual curso estará en vigor desde o 15 ata o 31 de marzo, presentando as solicitudes no departamento de Servizos Sociais ou na sede electrónica do Concello. Pola súa parte, o novo alumnado poderá solicitar a súa praza desde o 15 de marzo ata o 15 de abril, presentando tamén as solicitudes nas dependencias de Servizos Sociais ou na sede electrónica municipal.

O día 10 de maio farase pública a exposición da relación provisional de admitidos e a lista de agarda no taboleiro de anuncios do Concello e as persoas solicitantes poderán efectuar as reclamacións que estimen oportunas no departamento de servicios sociais nun prazo de 10 días contados a partir do día seguinte da publicación. O 24 de maio farase pública a relación definitiva de admitidos e a lista de agarda.

Ao longo da derradeira semana de maio efectuaranse reunións con persoal do centro e a sinatura do contrato de matrícula de prestacións de servizos, e do 1 ao 15 de xuño, formalizaranse as matrículas tanto para o novo alumnado como para as renovacións, acompañando os modelos de aceptación da matrícula xunto á documentación requirida en cada caso.

As persoas que precisen máis información poderán poñerse en contacto co departamento de servizos sociais, a través da educadora familiar, ou na páxina web do Concello.