Cabana aposta polo coidado do Esteiro do Anllóns cunha xornada de limpeza de praias

1 minutes read

O Concello de Cabana de Bergantiños dálle continuidade á súa aposta polo coidado e mantemento dos areais municipais colaborando coa entidade LimpOcean para a organización dunha xornada de limpeza mariña que terá lugar o sábado 7 de outubro.

A xornada está programada para dar comezo ás 11:00 horas coa Casa do Pendón como punto de encontro. Unha vez alí, as persoas participantes percorrerán o paseo marítimo realizando tarefas de limpeza nos areais do lugar.

Deste xeito, a través desta iniciativa o goberno local segue a reafirmar a súa aposta polo coidado do bordo litoral do Esteiro do Anllóns logo da execucións de diferentes accións como a ampliación do paseo marítimo desde a praia do Curro ata o monte de San Sebastián. Tamén supón darlle continuación ao apoio mostrado pola administración local ás iniciativas encamiñadas á reciclaxe e á segunda vida de residuos, como foi o caso do proxecto Diversiplás, levado a cabo da man da Asociación Íntegro.