O Concello de Cabana reafirma a súa aposta polo talento local coa celebración do festival ‘As Nosas Músicas’, o cal contará coa participación dun total de nove grupos e artistas do municipio.
A actividade, enmarcada na programación cultural do Concello, terá lugar este sábado, 17 de decembro, no auditorio municipal e a entrada será de balde ata completar aforo.
O Son do Castro, Xa Era Hora, Manuel Souto, Jacinto Paredes e os seus acordeóns, o Grupo de gaitas Maruxía, Os Enxebres de Cabana, Eloy Mato, My Way e Os Farrapos integran a programación dun evento que incluirá unha diversa variedade de estilos musicais.
Desde o goberno local convidan á veciñanza a asistir a unha actividade coa que “darlle voz ao enorme talento que atesoura Cabana, especialmente nunhas datas que convidan á xuntanza e á celebración”.