- Os traballos contarán cun orzamento de 356.296,81 euros
O Concello de Cabana aprobou no último pleno a execución de varios proxectos de reparación de estradas municipais. Os traballos contarán cun orzamento de 356.296,81 euros e enmarcaranse dentro do Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal 2021.
Así, destácanse os proxectos nas estradas de Monelos, Ures e Canduas, por unha banda; e a reparación das estradas municipais Muíño-O Burgo, As Revoltas-Buzaco, Peralta-Ameixenda, A Mata, Remisqueira, Remisqueira-Os Anles, Perrol-Baralláns, A Gándara, Cures, Lugar de Cabana e Lugar de Cundíns.
Tamén se levarán a cabo tarefas de roza dos camiños, limpeza con medios mecánicos, elevación de tapas de rexistro e pintado das marcas viarias para mellorar a seguridade en todos os tramos.
Plan Complementario
Dentro da partida do Plan Complementario do ano 2021 no que se establecen os investimentos financeiramente sostibles, a proposta é incluír os seguintes proxectos: a reparación de camiños en Borneiro, As Salgueiras, O Esto e Padrín, por un total de 90.819,70 euros; a segunda fase do proxecto da contorna da Igrexa parroquial e da Casa Reitoral de San Pedro de Corcoesto, por 54.196,84 euros e a execución e rehabilitación da reitoral de Cesullas, cun valor de 106.552,6 euros.
Gastos sociais extraordinarios
Outro dos puntos da sesión centrarase na partida que se adicará a gastos sociais extraordinarios, que contará cun total de 133.157,24 euros, destinados integramente a solventar apartados de temática social. Neste punto cabe recalcar que se impulsará un servizo de acompañamento, unha iniciativa para tratar de paliar os efectos negativos a nivel emocional causados pola pandemia.