Cabana aproba un plan para minimizar as perdas de auga potable na rede municipal

2 minutes read

O Concello de Cabana celebrou un Pleno ordinario da corporación municipal onde se aprobaron varios puntos relativos a investimentos no municipio, así como o plan de actuacións para minimizar as perdas de auga potable na rede de abastecemento municipal, que comprende intervencións como a ampliación e mellora da captación de Gontón, para aproveitar en maior medida o proceso de bombeo. Tamén a execución dunha nova ETAP e captación en Regengo, a substitución de contadores de idade igual ou superior a 10 anos, a instalación de caudalímetros ou a ampliación da tubaxe de distribución xeral que baixa desde a ETAP de Borneiro. A Xunta de Galicia insta os municipios a presentar unha auditoría para coñecer as deficiencias nas instalacións e poder executar melloras que revertan esta situación, facendo posible a economización da auga, un ben imprescindible.

Ademais, aprobouse incluir no Plan Único da Deputación da Coruña parao financiamento de gastos sociais extraordinarios unha achega de 66.868,55 euros adicados ao reforzo do persoal administrativo adscrito aos servizos sociais; a ampliación e dotación de partidas municipais destinadas a axudas de emerxencia ás persoas soas ou familias en risco de exclusión social; á ampliación do servizo de axuda a domicilio en todas as súas modalidades; o reforzo dos servizos e axudas económicas para respiro familiar e medidas de conciliación a persoas que carezan de medios económicos suficientes para asegurar a cobertura destas necesidades ou a outras medidas sociais de carácter extraordinario que os servizos sociais das entidades locais consideren imprescindibles e urxentes para atender ás persoas especialmente vulnerables.

Tamén se tratou na sesión a inclusión no Plan Provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal para o 2023 unha asignación de 340.573,86 euros, dos que se destinarán 111.310,25 euros en proxectos de obra e 229.263,61 euros en gasto corrente. Incluiranse aquí a reparación das estradas municipais de Vilaseco a Fontefría, Beres, de Millán a Cardezo, de Esto a Anllóns e a un vial en Carballas.

No Plan Complementario incluiranse as reparacións dunha estrada en Buzaco e unha en Peralta. O alcalde, José Muíño, insiste na necesidade de “non só reforzar os servizos sociais, tamén a nivel de infraestruturas, ambos puntos tratados na sesión. Pero de especial relevancia, si cabe, a Auditoría realizada para garantir que a nosa rede de abastecemento non malgaste auga, un ben imprescindible para a vida e que temos que coidar entre todas e todos”, sinalou o rexedor.