Cabana | Aprobada a ordenanza municipal para protexer as vías públicas das operacións de saca de madeira

1 minutes read
  • As infraccións polo incumprimento desta ordenanza van desde os 600 aos 3.000 euros de sanción

O Concello de Cabana de Bergantiños aprobou definitivamente a ordenanza para protexer e conservar os camiños e vías públicas en relación coas operacións de saca de madeira. O obxectivo prioritario é recuperar o equilibrio entre a actividade económica e o bo mantemento do dominio público viario, así como garantir a seguridade viaria da veciñanza.

A ordenanza entrará en vigor o día 1 de marzo e as infraccións polo incumprimento desta irán desde os 600 aos 3.000 euros de sanción

A comunicación da corta será efectuada pola persoa responsable da mesma, identificando en todo momento á empresa encargada, a parcela afectada e o lugar de depósito e vías a empregar para transportar a madeira. Tamén será necesario presentar o xustificante da fianza e a duración estimada dos traballos, entre outros documentos.

O Concello de Cabana establece un prazo de 15 días hábiles para declarar completa a documentación presentada. No caso de estar incompleta, concederáselle á persoa interesada un prazo de 10 días hábiles para posibles enmendas da documentación presentada.

O alcalde, José Muíño, quixo remarcar a importancia de aprobar este tipo de ordenanzas que «sin lugar a dúbidas regularizarán a actividade madeireira e contribuirán o mellor emprego dos camiños e vías públicas de Cabana de Bergantiños».