O Concello de Cabana dinamizará as actividades culturais no Dolmen de Dombate

1 minutes read
  • A Deputación financiará as visitas guiadas ao centro arqueolóxico con 60.000 euros grazas a un convenio de colaboración

A difusión cultural do centro arqueolóxico do Dolmen de Dombate seguirá sendo posible grazas ao convenio de colaboración que firmaron este sábado o Concello de Cabana e a Deputación da Coruña. Para promover as correspondentes actuacións durante este ano 2021, o ente provincial achega 60.000 euros.

O documento firmouse na Coruña entre o alcalde de Cabana, José Muíño; o presidente da Deputación, Valentín González; e o deputado provincial de Patrimonio, Xosé Luis Penas. Deste xeito, o goberno local comprométese a seguir ó cargo das visitas guiadas no Dolmen e o seu museo, así como a xestionar as actividades complementarias para escolares e público en xeral que se realicen no centro arqueolóxico.

O horario de visitas ata o 30 de xuño é de martes a venres de 10:00 a 14:00 horas, e en fins de semana de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. A partir do 1 de xullo e ata o 15 de setembro, poderase acudir a Dombate de luns a domingo entre as 11:00 e as 14:00 ou de 16:00 a 20:00 horas.