- Os veciños deberán entregar previamente unha declaración responsable a través da sede electrónica ou de xeito presencial nas oficinas do Concello
O Concello de Cabana autoriza a realización de cachelas para o día de San Xoán (23) e San Pedro (28) sempre e cando se presente unha declaración responsable que garanta o cumprimento das medidas de seguridade pertinentes. Só se concederán permisos de queima para os efectos tradicionais das cacharelas, sendo obrigatoria a presenza de xente ao carón dos lumes en todo momento, a extinción total do mesmo ao remate do festexo, a limpeza dos refugallos no lugar e a prohibición de queimar restos domésticos agrícolas e forestais.
As persoas que desexen realizar a súa declaración responsable para San Xoán deberán efectuala do 13 ao 20 de xuño, ambos días inclusive, mentres que para o festexo de San Pedro o prazo será desde o día 13 ata o 22 de xuño, ambos incluídos.
Dito trámite poderá facerse telematicamente na sede electrónica municipal ou de xeito presencial nas oficinas do Concello, en horario de 8:30 a 13:30 horas. Será preciso achegar un plano ou referencia catastral da parcela en ambos casos.