Cabana autorizará as fogueiras en San Xoán e San Pedro previa declaración responsable

O Concello de Cabana, de acordo coas directrices ditadas polo Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, informa de que, co fin de previr posibles incendios, as persoas que desexen realizar cacharelas en San Xoán, o 23 de xuño, e San Pedro, o día 28, deberán presentar unha declaración responsable que garanta o cumprimento das medidas de seguridade pertinentes.

En base a isto, soamente se concederán permisos de queima para os efectos tradicionais das ‘cacharelas’, sendo obrigatoria a presenza de xente ao carón dos lumes en todo momento, a extinción total do mesmo ao remate do festexo, a limpeza dos refugallos no lugar da luminaria e a prohibición de queimar restos domésticos agrícolas e forestais.

PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES

As persoas que desexen realizar a súa declaración responsable para San Xoán deberán efectuala do 12 ao 21 de xuño, ambos días inclusive, mentres que para o festexo de San Pedro o prazo será desde o día 12 ata o 23 de xuño, ambos incluídos.

Dito trámite poderá facerse telematicamente na sede electrónica municipal, achegando en todo caso o modelo de declaración responsable publicado no taboleiro de anuncios, xunto cun plano ou referencia catastral da parcela, ou ben de xeito presencial nas oficinas do concello en horario de 9:00 a 13:30 horas achegando tamén, xunto coa declaración responsable, o DNI e plano ou referencia catastral.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha