Cabana celebrará o Samaín cun roteiro máxico entre Dombate e o Castro de Borneiro

1 minutes read

O Concello de Cabana celebrará o Samaín o vindeiro venres, 31 de outubro, coa actividade «Dombate Máxico: As cores e os segredos do Samaín».

A iniciativa consistirá nunha andaina entre dous dos lugares máis emblemáticos do municipio: o Dolmen de Dombate e o Castro de Borneiro.

A saída está prevista para as 19:00 horas desde o Centro Arqueolóxico do Dolmen de Dombate. As persoas participantes deberán acudir cos seus disfraces máis terroríficos para percorrer o traxecto ata o Castro de Borneiro, acompañadas pola música de O Son do Castro e coa animación teatral de Os Quinquilláns.

Unha vez no asentamento castrexo, a festa continuará cunha degustación de castañas entre os asistentes.

Desde o goberno local destacan a satisfacción de poder retomar unha actividade con fondas raíces na comunidade, que o ano pasado non puido celebrarse debido ás condicións meteorolóxicas. Ademais, fan un convite á veciñanza a participar para «honrar a nosa cultura ao tempo que poñemos en valor lugares emblemáticos de Cabana».