A asociación Íntegro levou a cabo un proxecto de “Instalación de paneis fotovoltaicos e baterías no centro de recursos Integro”, do que se beneficiarán as 45 persoas usuarias do centro de Nantón (Cabana de Bergantiños), na súa maioría persoas con discapacidade intelectual da Costa da Morte.
Esta actuación, que consistiu na instalación de 24 paneis fotovoltaicos colocados nun terreo anexo ao centro, está destinada á xeración de enerxía eléctrica para o autoconsumo que permitirá lograr beneficios económicos e medioambientais grazas á diminución da contaminación atmosférica e dos gases efecto invernadoiro.
O proxecto conta coa financiación da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia que subvenciona, a través de COGAMI o 85% do gasto grazas aos fondos do IRPF procedentes do cadro 106 de “Actividades de Interese Social” da declaración da renda. Por outra banda, a propia entidade e a Deputación Provincial da Coruña, con cargo á convocatoria FOIE 2023, asumirán o 15% restante.