Cabana clausurou o seu último campamento de conciliación co teatro como protagonista

1 minutes read
  • A iniciativa, na que participaron 13 nenos de diferentes localidades, desenvolveuse no albergue municipal Alalá Terra e Sons

O Concello de Cabana continúa apostando pola conciliación da vida laboral e familiar. Nesta ocasión, o albergue municipal Alalá Terra e Sons concluíu o último campamento deste ano onde o teatro foi protagonista e no que participaron 13 nenos, de entre 8 e 12 anos, que procedían de diferentes localidades como Ponteceso ou Oleiros entre outros. Como colofón final a rapazada representou unha pequena obra para os seus familiares na Casa do Pendón.

Debido á boa acollida desta iniciativa, a xerente do albergue, Mariluz Imia Rivera, sinalou que a intención é «seguir ofrecendo programas similares centrados noutras temáticas xa que, con eles, os cativos e cativas pásano ben e, ademais, aprenden dun xeito diferente».

Os participantes do campamento desenvolveron as súas actividades seguindo un protocolo Covid-19 e someténdose ademais a tests de antíxenos antes de entrar no recinto.