O Concello de Cabana de Bergantiños pon en marcha, un ano máis, unha campaña para combater a expansión da avespa velutina. Esta semana arrincou oficialmente o plan, co que o goberno municipal pretende frear o avance dunha especie invasora altamente daniña para os ecosistemas e perigosa para os humanos.
A campaña estenderase durante 13 semanas, ata o 1 de xuño. Está prevista a entrega de 1.000 doses de atraínte entre os veciños de Cabana, que se poderán unir ao programa apuntándose nas oficinas xerais do Concello. Quen se adhira á campaña terá a obriga de informar cada 15 días da captura de raíñas recollidas.
Ao mesmo tempo, a empresa Plaguiber colocará un cento de trampas en diversos lugares públicos do municipio, tales como colexios, xardíns, igrexas ou o paseo marítimo, entre outros. Este mesmo luns xa se colocaron 78, e estarán xeolocalizadas a través dunha aplicación móbil.
Coa nova edición, o Concello replica unha estratexia que xa demostrou a súa efectividade. O ano pasado capturáronse 6.274 avespas nos puntos públicos, o que permitiu mitigar o impacto da especie invasora. Cabe resaltar que a avespa velutina causa cuantiosos danos na apicultura e que o seu ataque supón un grave risco, especialmente para persoas alérxicas ou vulnerables.
En caso de atopar un niño de avespa velutina, a recomendación é afastarse del e dar aviso no teléfono 012.