Cabana comeza a renovar a tubaxe de abastecemento do depósito do Picón, en Cesullas

O Concello de Cabana comezou os traballos de substitución da tubaxe de distribución de auga potable á saída do depósito do Picón, situado na parroquia de Cesullas. Esta intervención conta cun orzamento de 47.795 euros cofinanciados coa Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. O delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Gonzalo Trenor, comprobou este martes os avances nas obras xunto ao alcalde, José Muíño, e visitaron as instalacións na Edar de Lodeiro, onde se realizarán tamén melloras.

Na actuación do Picón inclúese a retirada dun treito de 465 metros de tubaxe de fibrocemento cuxa vida útil estaba a piques de esgotarse. No seu lugar estase a instalar unha canalización de tubaxes electrosoldadas de 200 mm de diámetro que permitirá garantir a subministración de auga potable á práctica totalidade dos núcleos costeiros do municipio en épocas de seca.

Unha vez rematen os traballos de colocación procederase a repoñer o pavimento danado e acondicionar o firme para asegurar as condicións de seguridade na zona.

O alcalde, José Muíño, destacou que “coa renovación da rede de Cesullas estase a realizar un traballo esencial para asegurar un servizo básico á poboación sobre todo en períodos de seca”. “O do Picón é un dos depósitos que manteñen abastecida de auga potable todos os fogares da parte costeira de Cabana, polo que conservar a infraestrutura en boas condicións é clave”, engadiu.

Pola súa banda, Gonzalo Trenor, deu conta da “importancia desta liña de axudas da Consellería de Mobilidade, destinada a municipios de menos de 5.000 habitantes como Cabana, e que segue a favorecer o correcto mantemento de servizos básicos como o abastecemento e o saneamento”.

A rede xeral de abastecemento de auga de Cabana de Bergantiños componse dun sistema complexo integrado por dúas redes interconectadas, que son a de Cesullas e Canduas, para dotar de auga potable os núcleos costeiros. Ademais, o municipio conta cunha rede independente en Rempenín para abastecer os núcleos interiores.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha