Cabana contará co seu particular ‘meco’ nunha edición de Entroido diferente

2 minutes read
  • Os participantes deberán enviar vídeos/fotografías dos seus disfraces e mecos antes do 17 de febreiro

O Concello de Cabana de Bergantiños celebrará este ano un Entroido diferente a través de dous concursos telemáticos, xa que debido á situación sanitaria actual quedan suspendidos os tradicionais desfiles e a gala presencial que se realizaba cada ano nas instalacións do pavillón municipal.

Desde o departamento de Cultura promóvense os certames ‘Crea un meco’ e ‘Xogando a ser outr@s’, este último cunha modalidade individual e outra para conviventes. O obxectivo destas iniciativas é “promover a participación da veciñanza de todas as idades e manter vivo o espírito destas datas tan especiais”, aseguran desde o consistorio.

O alcalde de Cabana, José Muíño, tamén destacou a importancia da iniciativa para “manter vivo o espírito do Entroido nunha época complicada para todos e todas”.

‘CREA UN MECO’

Un dos concurso consiste en crear un «meco», un boneco ou espantallo orixinal cun soporte e tomar fotografías ou vídeos do mesmo. A figura terá que representar unha das seguintes temáticas: os traballos do campo, do mar, o espertar da natureza ou a expulsión do inverno e dos malos augurios.

‘XOGANDO A SER OUTR@S’

En canto ao certame ‘Xogando a ser outr@s’, a veciñanza poderá participar en dúas modalidades distintas: individual ou de comparsa

Os participantes deberán gravar un vídeo de ata 3 minutos desfilando ou bailando co seu traxe personalizado. Haberá tres categorías na modalidade individual: mellor vídeo infantil (ata os 11 anos); mellor vídeo xuvenil (de 12 a 30 anos) e mellor vídeo de maiores (máis de 30).

PREMIOS

Os gañadores de cada modalidade e categoría recibirán unha tablet.

O prazo para participar rematará o vindeiro 17 de febreiro, e será necesario complementar as fotografías ou vídeos cun formulario de inscripción dispoñible na web do concello.