Cabana daralle visibilidade á igualdade de xénero a través dun mural de Leandro Lamas


O Concello de Cabana contará unha vez máis co arte de Leandro Lamas para darlle visibilidade á igualdade de xénero e á inclusión das persoas con diversidade funcional.

O vindeiro 16 de marzo levarase a cabo en horario de mañá unha xornada inclusiva na Escola de Vela na que Leandro Lamas, acompañado por integrantes da Asociación Íntegro e polos veciños e veciñas que desexen participar na actividade, pintará un mural representativo da igualdade de xénero e da diversidade funcional.

O período para inscribirse na actividade, integrada na programación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, estará aberto desde o próximo luns, día 6, ata o 10 de marzo e a veciñanza que desexe tomar parte poderá anotarse de xeito presencial no concello ou chamando ao 981 754 020.

TERCEIRA OBRA DE LEANDRO LAMAS EN CABANA

O mural que pintará o vindeiro día 16 será a terceira obra do artista no municipio cabanés logo da pintura que efectuou na praza do Pendón o pasado mes de maio, en colaboración co alumnado do CPI As Revoltas, e a pintura que deseñou para a xornada do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia Contra a Muller, ambas actividades integradas tamén no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.