Cabana | ‘Desconexións’, de José Manuel Caamaño, seguirá no Dolmen de Dombate este mes

'Desconexións' de José Manuel Caamaño_Concello de Cabana

  • A mostra, integrada por máis dunha decena de obras, permanecerá aberta ao público durante todo xullo.

O Centro Arqueolóxico Dolmen de Dombate seguirá contando ao longo do mes de xullo coa exposición ‘Desconexións’, do artista carballés José Manuel Caamaño. A exposición está composta por reproducións pictóricas de imaxes de diversa índole coas que Caamaño busca trasladar a evolución da súa obra partindo do emprego de materiais como o carboncillo e a tinta chinesa, aplicándoos á disciplina do retrato, a gran protagonista da mostra.

O autor valora moi positivamente o feito de expoñer as súas obras no Dolmen de Dombate sinalando que «é un espazo impresionante pola súa beleza e valor patrimonial e ademais recibe moitas visitas, polo que os meus debuxos poden chegar a un gran número de xente».

Deste xeito, o Concello de Cabana, en colaboración coa Deputación da Coruña e Ponteceso Cultura Permanente, dá continuidade a unha mostra coa que reafirma a súa «aposta polos artistas e o talento da contorna».