O Concello de Cabana de Bergantiños inicia desde o vindeiro mércores, día 15 de marzo, e ata o 1 de xuño a súa campaña municipal de loita contra a vespa velutina. Na vindeira edición repartiranse un total de 100 trampas co seu respectivo líquido atraínte entre a veciñanza e instalarase a mesma cantidade de dispositivos, controlados todos eles mediante aplicación móbil, por distintos puntos do termo municipal. As persoas interesadas poderán solicitar as súas trampas a través da web municipal ou a través das oficinas xerais e unha vez que as reciban deberán informar obrigatoriamente da cantidade de raíñas capturadas cunha periodicidade de quince días.
A Laracha
A Laracha iniciou hai un mes a campaña, que se adiantou con respecto a outros anos debido a que as temperaturas suaves do inverno favoreceron que tamén comezase antes o ciclo biolóxico desta especie invasora. O Concello insiste na importancia de centrar os esforzos neste momento do ano, xa que a captura de cada raíña impedirá a formación dun niño primario no que poden criarse ata tres mil nespras. Lémbrase que no caso de detectarse un niño de avespa velutina é preciso chamar ao teléfono 012 para poñelo en coñecemento da Xunta de Galicia e que a empresa pública Tragsa poida proceder á súa eliminación.