Cabana e Ponteceso impulsan un proxecto de dinamización do cooperativismo

1 minutes read

Este proxecto está incluído dentro do programa de actuación 2020 da Rede Eusumo, esta actividade formativa está recoñecida pola Consellería do Mar para o baremo da actividade marisqueira. A primeira edición celebrarase o mes que vén en Ponteceso, e esté previsto desenvolver unha segunda en Cabana.

A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo, Migracións e Seguridade Social. Con esta iniciativa, organizada pola Unión de Cooperativas Galegas Espazo Coop, trátase de detectar sectores de actividade económica con potencial para desenvolverse a través do cooperativismo, ademais de divulgar e impulsar o emprego cooperativo.

Neste sentido, a iniciativa vai especialmente dirixida a persoas interesadas no emprendemento cooperativo, socios/as e persoal de cooperativas e público xeral interesado. A metodoloxía será activa e participativa.

A formación é de balde. O programa consta de 4 sesións de cinco horas de duración (de 10.00 a 15.00 horas) que se desenvolverán os días 3, 5, 10 e 12 de decembro no Centro Cultural de Ponteceso. As persoas interesadas poden inscribirse enviando un correo electrónico cos seus datos a mariajose.pensado@ponteceso.gal ou silvana.facal@cabana.gal ou chamando aos teléfonos 981 715 442 (Ponteceso) e 981 754 020 (Cabana). O prazo de inscrición está aberto ata o 27 de novembro.