Cabana encara o ‘mes das flores’ co teatro, a literatura, a fotografía e a natureza

2 minutes read

A actividade cultural en Cabana de Bergantiños no mes de maio terá o teatro, a literatura e a natureza como principais protagonistas. O departamento de Cultura presentou un amplo calendario de iniciativas para o ‘mes das flores’ cunha temática que xira arredor da primavera e da conmemoración do Día das Letras Galegas.

O venres 13 de maio a praza do Pendón acollerá unha sesión artística do ilustrador Leandro Lamas. O pintor naronés plasmará a súa esencia nas paredes do CPI As Revoltas, no que realizará un mural xunto ao alumnado. Esta actividade está incluída no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Ese mesmo día a partir das 18:00 horas arrancará a iniciativa ‘Ler conta moito’. Baixo este título, o Concello de Cabana organiza tres sesións de narración oral nas instalacións da biblioteca municipal María Baña. Esta primeira cita estará a cargo da compañía Trémola Teatro, que representará ‘A nena que se comía tódolos contos’ ata a rapazada cabanesa.

Nesa mesma fin de semana, os días 14 e 15, a Casa do Pendón acollerá desde as 16:00 horas a experiencia teatral ‘No mes das flores’, con encontros e diálogos para un público maior de 10 anos sobre traxectorias vitais xunto coa poesía de Florencio Delgado Guarriagán con Silvia Losada.

Pola súa parte, o luns 16 de maio, tamén na Casa do Pendón, celebrarase un obradoiro de flores silvestres, a partir das 17:00 horas, no que as persoas participantes poderán traballar a composición floral a través da recolecta de flores e plantas miúdas coas que evocar lembranzas da súa infancia.

O martes 17, Día das Letras Galegas, a Escola de Vela acollerá unha ampla programación cultural desde as 11:00 horas para conmemorar a efeméride co ‘Concerto das Letras’ a cargo de Irma Macías e Xaquín Rama, coa obra teatral ‘O parrulo e as flores’ da escola municipal de teatro e coa lectura de poemas do premiado Florencio Delgado Gurriarán.