O departamento de Cultura do Concello de Cabana encara o mes de xullo cunha programación que contará con actuacións musicais, teatro, monólogos e visitas teatralizadas e nocturnas ó Dolmen de Dombate.
O vindeiro sábado 3 de xullo arrancan as actividades de man dos Quinquilláns, que comezarán o seu ciclo de visitas teatralizadas ó centro arqueolóxico ‘No tempo das pedras’. Realizarán dúas sesións, unha con inicio ás 18:00 e a segunda ás 19:30 horas, durante todos os sábados do mes.
Ese mesmo día, 3 de xullo, a Praza de Neaño acollerá unha sesión de cine de verán coa película ‘O Rei León’. A proxección comezará ás 22:15 horas, o aforo estará limitado e cubriranse as prazas por orde de chegada.
Por outra banda, o 10 e o 24 de xullo celebraranse dúas visitas guiadas nocturnas ó Dolmen de Dombate. Serán en horario de 23:00 a 24:00 horas, con aforo máximo e con inscrición previa chamando ó 981 754 020, contacto do departamento de Cultura.
O venres 16 ás 22:30 horas, o recinto arqueolóxico será de novo escenario doutra actividade. Neste caso trátase dun concerto do grupo Oîma, un trío de música para baile de tradición galega e que fusiona estilos europeos. Será necesario inscribirse previamente chamando ó mesmo número de teléfono.
Dombate acollerá outras dúas actuacións na recta final do mes: o monólogo de Adry do Regenco o sábado 24 de xullo a partir das 22:30 horas e o concerto de Uxía o venres 30 á mesma hora. En ambos casos cómpre contactar con anterioridade co departamento de Cultura.
Por último, o sábado 31 ás 20:00 horas pecharanse as actividades do mes co espectáculo de danza-circo familiar ‘Su.Ma-Ikagi’. A función terá lugar na Praza do Pendón e tamén terá o aforo limitado.
Desde o departamento de Cultura quixeron destacar “a forte aposta do Concello por dinamizar o interese polo noso patrimonio e música entre a mocidade cabanesa”. Neste sentido, adiantaron que “o mes de agosto estará tamén repleto de actividades que inclúen artistas de gran nivel do panorama galego”.