Cabana estrea un mural de Leandro Lamas coa colaboración da rapazada do CPI As Revoltas

1 minutes read

A praza do Pendón conta cun novo mural deseñado polo artista Leonardo Lamas e plasmado polo mesmo coa colaboración do alumnado do CPI As Revoltas. O acto de inauguración da obra tivo lugar este venres e nel participou o autor, acompañado polo alcalde de Cabana, José Muíño, e o alumnado da escola local acompañado polo equipo docente.

Os traballos para a realización da ilustración, enmarcados no Pacto de Estado contra a violencia de xénero e financiados polo ministerio de Igualdade, deron comezo o pasado luns, cando Lamas comezou a trasladar o bosquexo inicial á parede da praza cabanesa. Un día máis tarde, o martes, foi quenda para que o alumnado do CPI As Revoltas prestase a súa colaboración para culminar a obra.

Na composición, queda plasmada a esencia de Leandro Lamas, un dos ilustradores galegos máis destacados da actualidade, presentándose na mesma algúns dos trazos máis característicos da súa extensa produción gráfica, como o emprego dunha ampla gama de cores que enriquecen a ilustración de dozura e ledicia.  O artista sinalou no acto de presentación que ‘contar coa axuda de tantos nenos e nenas foi unha experiencia moi gratificante, especialmente pola súa ilusión e implicación’’. Pola súa parte, o rexedor celebrou ‘’unha iniciativa que achega o arte á rapazada dun xeito lúdico e que permite mellorar a estética do noso municipio’’, concluíu.