Cabana executará o acondicionamento de dous taludes axardinados para mellorar a estética municipal

O Concello de Cabana de Bergantiños aposta polo incremento da estética urbana mediante a mellora de dous novos espazos verdes na localidade. A actuación consistirá no acondicionamento de dous taludes axardinados nas prazas de Neaño e do Concello.

O proxecto conta cunha subvención de 56.279,27 euros, concedida pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, ao abeiro das axudas para a aplicación de solucións baseadas na natureza orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en contornos urbanos e periurbanos.

As intervencións executaranse, por unha banda, na praza do Concello, un espazo de alta concorrencia por atoparse rodeado de edificios públicos como a Casa Consistorial, a piscina municipal, o polideportivo, o colexio e a Casa da Cultura.

Por outra banda, a intervención tamén se levará a cabo na praza de Neaño, situada nunha zona residencial, próxima ao centro de día e que conta cun parque infantil moi utilizado polas familias da localidade.

Actualmente, a vexetación nestes espazos concéntrase maioritariamente en taludes de forte pendente, onde na actualidade predominan especies en mal estado, colonizadas por herbas adventicias, mal ancoradas ao solo e carentes de valor ornamental debido ao paso do tempo e ás condicións ambientais da zona. Co obxectivo de revitalizar estes espazos, o proxecto prevé a modelación do terreo e a instalación dos ancoraxes precisos para garantir o correcto desenvolvemento das especies vexetais, contribuíndo así á integración estética e funcional destes lugares no tecido urbano.

O alcalde, José Muíño, sinalou que este proxecto responde á aposta do goberno local por «transformar espazos degradados en enclaves máis verdes que non só melloren a imaxe do noso municipio, senón que tamén contribúan ao benestar da veciñanza e a un urbanismo máis sostible e amable para todos e todas». 

Related posts

O presidente da Xunta participou no Interreg Cooperation Day 2025, celebrado este venres no Miradoiro de Fisterra

Carballo impulsa o programa C4S para fortalecer os negocios turísticos locais

A Xunta avalía os dous últimos proxectos desenvolvidos polo GALP Costa da Morte