- Nun acto cargado de emoción, celebrado no auditorio municipal, os protagonistas puxeron fin ás súas etapas profesionais no centro escolar
O Concello de Cabana de Bergantiños e a comunidade educativa do municipio déronse cita este martes no auditorio municipal para agradecer o traballo dos profesores Paco Abella Cruz e Ana Fuentes García, que finalizan a súa etapa docente no CPI As Revoltas.
Nun acto cargado de emoción, anécdotas doutros tempos de ambos protagonistas, poesía e incluso música, Paco e Ana recibiron un agasallo e o agarimo de todas as persoas que se achegaron ó salón de actos do auditorio.
Paco Abella comezou a dar clase en Nantón no ano 1980. Dedicou toda a súa vida á ensinanza e a formar novas xeracións de cabaneses e cabanesas. Na súa andadura profesional tampouco faltaron grandes amizades con compañeiros de gremio, como recordou no seu discurso o propio Paco e reafirmaron as persoas que pasaron polo mesmo atril. No CPI As Revoltas foi xefe de estudos do 1998 a 2006 e director entre o 2007 e o 2011. Xubílase logo «do traballo dunha vida», segundo afirmou.
Ana Fuentes, pola súa banda, chegou ó centro cabanés no 2011. Asumiu a súa dirección desde o 2014 ata o 2019 e agora emprende «unha nova aventura cunha mochila cargada de ilusión e moi bos recordos», segundo contou emocionada no seu discurso de agradecemento.
Así, entre bágoas e sorrisos, o acto pechouse coa interpretación en directo de ‘Un tempo en Cabana’, composta por Silvia Losada e interpretada en dúo con Jorge Campos.
Na cerimonia estiveron presentes, ademais das persoas homenaxeadas, o alcalde de Cabana, José Muíño; a concelleira de Sanidade e Servizos Sociais, Sheila Recarey; así como Silvia Losada e Martín Martínez por parte do departamento de Cultura.
Ó longo da cita participaron Brais Rellán Cundíns, Sheila Fariña, Laura García, Xurxo Alfeirán, Alda Alfeirán, Vanesa García, e a exalumna Maria José Imia a través dunha mensaxe en vídeo.