Farao como mostra de recoñecemento ao seu legado e ao traballo desenvolvido en favor da veciñanza. A proposta foi aprobada na sesión plenaria celebrada na tarde deste luns, co voto favorable do Partido Popular e o voto en contra do BNG.
Polo tanto, ao abeiro desta medida o Pavillón Municipal pasará a denominarse Pavillón Municipal Manuel Fariña Suárez, en lembranza do mestre e político que exerceu como alcalde durante 17 anos, entre 1979 e 1995 e, posteriormente, entre 1999 e o seu falecemento no ano 2000. Durante o seu mandato, impulsáronse avances significativos en todas as parroquias do municipio.
O Centro de Saúde da Carballa levará o nome de Centro de Saúde Manuel Barral Castro, alcalde entre 1995 e 1999. Médico de profesión, exerceu como tal catro anos antes de ser elixido rexedor. A súa xestión destacou pola posta en valor do patrimonio histórico e a execución de importantes infraestruturas como a senda peonil do Anllóns, a piscina municipal, o centro de maiores ou o propio centro sanitario.
O Local Veciñal de Anos pasará a chamarse Local Veciñal Enrique Díaz Varela, en homenaxe ao alcalde, natural desta parroquia, que asumiu o cargo tras o pasamento de Manuel Fariña, exercéndoo entre 2000 e 2003. Concelleiro durante máis de tres décadas, é lembrado polo seu talante dialogante e a súa proximidade coa veciñanza.
O alcalde, José Muiño, destacou que «con esta medida buscamos recoñecer e poñer en valor o traballo político e o valor humano dos nosos anteriores alcaldes. Todos eles contribuíron a dar forma á nosa identidade como concello a través do seu compromiso e dedicación».
Engadiu ademais que «conservar a memoria histórica é fundamental para fortalecer a identidade cabanesa. Saber de onde vimos é o único xeito de saber onde estamos e cara a onde queremos ir».