- Servirá como punto de atención para os visitantes que se acheguen a Cabana a pé ou a través das rutas BTT
O Concello de Cabana continúa co seu proxecto para impulsar o turismo sostible e, neste caso, faino no Esteiro do Anllóns a través da creación dun centro de recepción turística para roteiros. O proxecto, que conta cun orzamento de 30.000 euros subvencionados por Turismo de Galicia, contempla a restauración dun inmoble situado no percorrido do Camiño dos Faros.
O alcalde, José Muíño, explicou que se trata dunha «grande intervención» que permitirá «que todas as persoas que se acheguen a Cabana para gozar do espectáculo do Esteiro do Anllóns ou doutros emprazamentos paisaxísticos conten cun punto onde recibir información, asesoramento e acubillo na súa viaxe».
Esta actuación inclúe a rehabilitación total dun edificio situado na contorna da praia do Pendón e o albergue. Este inmoble presenta un mal estado de conservación na actualidade que quedará corrixido co seu acondicionamento interior e exterior. A infraestrutura pasará a contar con oficina, almacén de material, aseos, duchas e vestiarios a disposición das persoas usuarias.
A segunda parte do proxecto consistirá na sinalización de catro rutas BTT polas que se dispoñerán carteis e diferentes elementos cos que indicar e diferenciar os percorridos. O centro de recepción será o punto inicial dos itinerarios e funcionará como espazo onde poder gardar obxectos persoais e mesmo as bicicletas.
«Espazos como o Dolmen de Dombate, o Castro de Borneiro, o Camiño dos Faros e o propio Esteiro do Anllóns merecen unhas infraestruturas á súa altura», engadiu Muíño, quen ademais destacou que entre as prioridades do goberno local cabanés «está aproveitar ao máximo o auxe do gusto pola terra e polo rural».