Cabana impulsa un programa de voluntariado para axudar a limpar o medio ambiente


  • Tres mulleres da parroquia de Riobó comezaron hai uns meses a realizar tarefas de recollida de lixo durante as súas camiñadas diarias

O Concello de Cabana impulsa un programa de voluntariado para contribuír á limpeza do entorno en todo o termo municipal. Aproveitando a iniciativa de tres mulleres da parroquia de Riobó, coas que colabora na retirada de residuos, preténdese incrementar o número de persoas voluntarias.

Este proxecto naceu da man de Carme, Choncha e Esperanza, que desde hai varios meses realizan tarefas de recollida de lixo durante as súas camiñadas diarias. “Levamos con nós bolsas de plástico e aproveitamos para reunir calquera tipo de residuo que encontremos no noso traxecto”, apuntan.

O Concello puxo á súa disposición o servizo de retirada de residuos voluminosos e iniciou unha campaña de captación de máis voluntarias e voluntarios que inclúe a entrega duns cortaventos personalizados. Con ese obxectivo, acábase poñer en marcha unha campaña de difusión da iniciativa mediante un vídeo nas redes sociais municipais.

“É un xeito de combinar deporte e realizar pequenas accións en favor do medio ambiente”, aseguran Carme, Choncha e Esperanza. Xa xubiladas, estas tres veciñas de Riobó conseguiron asegurar a limpeza da súa parroquia e incluso estenderon a súa actividade a outras zonas da contorna, entre as que se inclúe a ruta do Camiño dos Faros.

Para adherirse a esta campaña só é preciso poñerse en contacto co Concello para xestionar a recollida de lixo.

Vídeo das voluntarias de Cabana de Bergantiños_Cedido