Cabana inicia o seu particular Entroido con dous novos proxectos

1 minutes read
  • A veciñanza é a protagonista desta festividade que, este ano, será totalmente de xeito virtual

O Concello de Cabana de Bergantiños incorpora dúas novas iniciativas ao seu particular Entroido 2021. Deste xeito, a través dos proxectos ‘Contos de Entroido’ e ‘Lembrando o Entroido’, o departamento de Cultura municipal procurará que a veciñanza rememore os festexos de anos anteriores desde os seus fogares.

‘Contos de Entroido’ pretende recuperar vivencias e relatos da infancia ou xuventude dos cabaneses e cabanesas de todas as idades relacionadas con esta festividade. Para participar cómpre gravar en vídeo á persoa protagonista da experiencia relatando a súa historia en menos de dous minutos. O arquivo poderase enviar ao correo electrónico do departamento de Cultura, cultura.concello@gmail.com, ou a través do Whatsapp municipal no 609 212 230. O material audiovisual recibido irase compartindo a través das redes sociais do Concello de Cabana.

Por outra banda, ‘Lembrando o Entroido’ é un proxecto que se desenvolverá nas canles de Facebook e Twitter municipais. Desde o 8 de febreiro e ata o venres 19 compartiranse diariamente fotografías das celebracións do Entroido, de entre os anos 2000 ata o 2020, ata conformar un álbum virtual no que se poderá observar a evolución da tradición festiva en Cabana.