O Concello de Cabana vén de iniciar os traballos de acondicionamento de dous taludes axardinados: un situado na praza do Concello e outro na praza de Neaño.
Esta actuación lévase a cabo ao abeiro dunha axuda da Consellería de Medio Ambiente destinada á aplicación de solucións baseadas na natureza, orientadas á prevención de riscos asociados ao cambio climático en contornos urbanos e periurbanos.
Os traballos céntranse na modelación do terreo e na instalación de sistemas de ancoraxe que favorezan o correcto desenvolvemento das especies vexetais. Deste xeito, preténdese mellorar as condicións estéticas destes espazos, favorecendo a súa integración harmoniosa no conxunto urbano.
Na actualidade, estes taludes presentaban un elevado grao de degradación, cunha predominancia de exemplares vexetais en mal estado e especies adventicias, ademais de deficiencias nas condicións de ancoraxe e un escaso valor ornamental debido ao paso do tempo e ás condicións ambientais.